Friday 03 de May de 2024

Margarita Sánchez agarda publicar “en catro ou cinco anos” a terceira e última entrega sobre a historia de San Sadurniño


A investigadora ferrolá presentou o venres no claustro do Rosario “Historia de San Sadurniño. Os Marqueses. A fin do Convento. Séculos XVIII-XIX”, segundo volume da triloxía

 

A investigadora Margarita Sánchez Yáñez presentou o pasado venres no claustro da igrexa do Rosario o segundo volume sobre a historia de San Sadurniño, que aborda os séculos XVIII e XIX tratando como eixos principais a fin do convento -motivada polo proceso de desamortización-, así como as relacións entre a congregación de freires dominicos e o marquesado. Unha relación non sempre cordial que, ademais, coincide no tempo co salto dos señores de San Sadurniño primeiro a Ferrol e despois a Madrid. A obra, de 460 páxinas, contextualiza con rigor os acontecementos locais en relación co devir do Estado e a convulsión política que o sacudiu -especialmente no século XIX- acudindo para iso a numerosas fontes que Sánchez destila en dez capítulos “para que cadaquén lea segundo o que lle interese”. A autora, con raíces en San Sadurniño, traballa xa no terceiro e último libro sobre a nosa historia, que agarda ter listo para dentro de “catro ou cinco anos”.

A presentación de “Historia de San Sadurniño os Marqueses. A fin do convento Séculos XVIII-XIX” viuse afectada polo primeiro grande trebón da fin de semana, que obrigou a pasar o acto ao interior do claustro do Rosario primeiro e, despois, cando as nubes empezaron a descargar, para o corredor leste ao abrigo da abondosa chuvia.

Con todo, e malia a auga, a cita comezou puntual, ás 18:30h, coa intervención do alcalde, Secundino García, quen agradeceu a presenza das arredor de 50 persoas asistentes e tamén o traballo desenvolvido pola historiadora de raíces sadurniñesas por vía materna. “Non todos os concellos poden presumir de ter un libro escrito coa súa historia”, dixo o alcalde, ademais de reivindicar a función da imprenta da Deputación da Coruña -editora da obra-, por facer posible que vexan a luz “moitos libros que non teñen unha finalidade comercial”.

Trala intervención do rexedor tomou a palabra o tamén estudoso da historia local Manolo González, impulsor do proxecto Fálame de San Sadurniño co que Margarita Sánchez ten colaborado en numerosas ocasións. González definiu á historiadora como “unha mineira” que leva sachando datos desde a súa mocidade e apartando todos os referidos a San Sadurniño, aos que lles deu forma no primeiro volume publicado en 2016 (que chega até a primeira metade do século XVIII) e o presentado o venres, centrado nos séculos XVIII e XIX. Obras que, segundo González, “honran a un pobo” e son “unha magnífica achega á patria da súa infancia”.

De feito, a propia autora explicaba trala breve charla que ofreceu no claustro que o feito de ter raíces en San Sadurniño foi un dos motivos para adentrarse na investigación e publicación da súa historia: “achegueime porque a miña familia materna era de aquí. Eu nacín e estudei en Ferrol pero os veráns pasábaos na casa dos meus avós. Por iso para min San Sadurniño é o meu segundo acubillo”.

“Historia de San Sadurniño os Marqueses. A fin do convento Séculos XVIII-XIX” busca ofrecer, igual que o primeiro libro da serie, “unha idea da evolución, dos cambios que se foron producindo ao longo do tempo, sen ser unha obra para ler toda seguida coma se fose unha novela, senón aos poucos, que cadaquén lea as páxinas que lle interesen, os contidos polos que teña curiosidade”.

Neste sentido, a grandes trazos, o volume ten dous grandes bloques temáticos que enfían eses contidos. Por unha banda a marcha dos marqueses a Ferrol -moi puxante naquela época como centro naval e militar- e o seu salto posterior a Madrid; e por outra o remate do convento dominico co proceso de desamortización que “desafiuzou” os frades e que, segundo Sánchez, “foi unha oportunidade desaproveitada” para acometer a reforma agraria que o país necesitaba.

Todo adobiado no libro con abondosas citas e datos extraídos de documentos da época, entre eles actas do incipiente Concello de San Sadurniño, que contextualizan o xeito de vida e a evolución do noso municipio en relación cos acontecementos que foron marcando a historia de España ao longo de dous séculos.

A autora apunta que a fin do convento -co que os marqueses manteñen varios desencontros por cuestión de intereses- contrasta co ascenso do marquesado de San Sadurniño, aínda que xa fóra do núcleo pacego do Casal, que pouco a pouco irá converténdose unicamente en residencia de verán e lugar de lecer polo que pasarían múltiples persoeiros da vida pública estatal. “Houbo unha decadencia do convento, porque se acaba, pero no marquesado o que ocorre é que non hai descendencia directa e os títulos e os bens disgréganse. A duquesa -María Natividad Quindós, falecida en 1953- ao cederlle o pazo ás monxas, o título permanece, pero a historia aquí en San Sadurniño remata”.

A fin do marquesado no noso territorio será tema principal do próximo volume da historia de San Sadurniño. A investigadora avanzou na súa charla do venres que para o derradeiro libro da triloxía xa recolleu grande cantidade de información, a pesar de non ter accedido aínda aos arquivos do pazo que, seica, acabaron en mans da casa de Puñonrostro. Si agarda, porén, incorporar documentación e imaxes cedidas polo actual conde de Fontao, que ademais é décimo marqués de San Sadurniño.

Iso si, tal e como asegurou Margarita Sánchez Yáñez, para poder deleitarnos co seguinte libro da historia local deberemos esperar: “Como estou traballando noutros temas tamén gordos, a ver se en catro ou cinco anos o teño listo”.

Mentres agardamos con impaciencia, “Historia de San Sadurniño Os Marqueses. A fin do convento. Séculos XVIII-XIX” está dispoñible para préstamo na biblioteca municipal, onde tamén se poden recoller ata fin de existencias os exemplares gratuítos dos que dispón o Concello.